1 mar 2014

Enrique Oubiña acusa o PP de Ribadumia de pasar o rodilllo e aprobar uns orzamentos que non solucionan problema ningún.


   No pleno do pasado mércores debatéronse os orzamentos para este ano 2014. O Partido Popular, levou unha proposta que un ano mais insiste no gasto corrente sen control, e non fai aposta ningunha nin por buscar solucións os problemas dos nosos veciños nin por loitar contra o paro, nin sequera por aforrar ou mellorar a xestión económica do concello.

   Dende o grupo de Enrique Oubiña presentaronse nas dúas comisións previas unha batería de propostas e medidas destinadas precisamente a iso, entre as que destacaban a creación dunhas becas de estudos para evitar que ningún xoven do noso concello quedara sen poder prepararse para o seu futuro por unha cuestión económica, e unhas partidas destinadas a establecer liñas de axuda os pequenos empresarios, tanto os que quixeran establecerse, como os xa establecidos.

  O Partido Popular, facendo gala dunha enorme demagoxia e falta de vontade política e de sentido común, ignorou e desprezou sistematicamente, e de malas maneiras por añadidura,  todas as propostas de Enrique Oubiña, e centrouse en buscar escusas absurdas para non incluír ningunha destas propostas, como pretender que a oposición se ocupase de decidir de onde sacar cartos para as partidas propostas, cando o señor Oubiña lles demostrou coas contas de anos anteriores na man, e a pesares da negativa do PP o longo do ano de proporcionar a información que se lle requiriu,  que o PP tiña partidas de sobra de onde  sacar cartos, pois cada ano queda medio millón de euros sen gastar onde corresponde, e cando propuxo ademais, para evitarlle o PP o drama de ter que traballar un pouco e refacer os orzamentos, que se usase para as súas propostas o remanente do ano anterior.

En verbas de Enrique Oubiña, “que o PP, logo de acceder a estudar as nosas ideas, e dar algo de tempo para replantexalas, viñera e nos dixera que nin sequera mirara as nosas propostas, resultou certamente molesto, pero non tanto como ver que toda esa fachada de vontade por chegar a acordos se caia e agromaba a realidade do PP, que é que en realidade o que quere dos nosos veciños e velos axeonllados na porta do concello, para poder encherse o peito dándolle esmolas”.


   Ribadumia puido por unha vez vivir unha situación extraordinaria e dar exemplo  ó resto de concellos da comarca e mesmo galegos, pois a postura do grupo de Enrique Oubiña foi totalmente dialogante, lonxe das posturas tradicionais e, e buscaba un cambio na xestión dos orzamentos que ia mais alo do reparto de partidas, e afondaba no xeito de levarse un concello, facendo participes a todos os grupos. Por desgraza, o PP  solo busca asoballar.


Deixamosvos o  escrito presentado finalmente o pasado luns, con todas as nosas propostas, que o pp desprezou sistematicamente:

José Enrique Oubiña Lago, como Concelleiro non adscrito da corporación municipal, o abeiro do debate creado en torno a elaboración dos orzamentos para este ano 2014, e vista a disposición do PP local a, cando menos, falar de propostas e alternativas coa oposición, e logo do aplazamento acordado na comisión informativa do pasado xoves dia 20 de Febreiro, para reflexionar e estudar as diferentes propostas, presenta a seguinte serie de propostas orzamentarias, que clarifican as presentadas na pasada comisión,  para que o equipo de goberno as considere:

   Antes de nada queremos aclarar que dende o grupo do concelleiro non adscrito entendemos que a responsabilidade última de mudar, eliminar ou crear partidas orzamentarias pertence o Partido Popular, partido que o conxunto da cidadanía de Ribadumia decidiu escoller para que levara adiante o goberno do noso concello e para o cal dispón de todas as ferramentas democráticas e administrativas, e dende a nosa postura como grupo de oposición somentes podemos aportar os nosos puntos de vista, eivados moitas veces pola falta de información concreta,  opinións e propostas sobre cales son as partidas ou políticas e accións de goberno que consideramos necesarias, pero non podemos saber nin nomear con exactitude cales das partidas orzamentarias propostas polo equipo de goberno son imprescindibles para o correcto funcionamento do concello. Consideramos ademais, e polos mesmos motivos, e sen entrar a valorar a idoneidade ou non das inversións plantexadas para este ano 2014,  que non estamos capacitados para decidir se as  partidas plantexadas para esas inversións son adecuadas, excesivas ou insuficientes para a realización dos proxectos propostos.

    Por iso, a nosa primeira proposta é a seguinte:

-       Que o grupo de goberno, tendo en conta o histórico contable do concello de Ribadumia, onde:
- no ano 2010 quedaron sen gastar 744.766,53€ dun orzamento inicial de 2.821.892,00€, 
- no ano 2011 quedaron sen gastar 416.920,82€ dun orzamento inicial de 2.653.790,50€, 
- e que no 2012 quedaron sen gastar 451.242,43 dun orzamento inicial de 2.545.222,00, 
      revise as partidas orzamentarias e , atendendo a responsabilidade que lle corresponde como equipo de goberno, decida cales de todas as partidas propostas se poden reducir, ou se mesmo eliminar, para dar cabida as propostas que nos faremos a continuación.  Así mesmo, se o equipo de goberno considerase que esa responsabilidade debe ser compartida co resto de grupos da oposición, estamos a súa disposición para, dun xeito sosegado, sentarnos coas diferentes propostas, e realizar o estudo orzamentario necesario, analizando cada partida polo miúdo e con todos os datos necesarios,  para poder achar formulas de aforro e de adecuación orzamentaria, e dar cabida así a todas as propostas que puidera haber.



   Logo disto, nos entendemos que a proposta orzamentaria do PP adoece de varias faltas que consideramos necesarias incluír. Tamén entendemos que se fai necesario, en vista da situación xeral do país, adecuar as políticas municipais as necesidades dos nosos veciños e veciñas, e cambiar sustancialmente o xeito de elaborar os orzamentos, aumentando o dialogo entre os diferentes grupos políticos con representación, e mesmo cos diferentes entes que cohabitan no concello, dende as asociacións de comerciantes ata entidades deportivas, culturais e sociais, e incluíndo finalmente partidas onde se aposte claramente pola loita contra o paro e pola defensa da dignidade das persoas. Por ese motivo, logo do debate da semana pasada,  onde as diferentes posturas sobre cara onde debía camiñar a realización dos orzamentos quedaron claras, o grupo do concelleiro non adscrito decidimos revisar e clarificar as nosas propostas, tendo en conta o aportado polo equipo de goberno,  e plantexalas aquí.  E son as seguintes:


-       - Crear unha partida e denominala “cobertura de necesidades e axuda a reinserción socio – laboral”, que dea contido económico a creación dun grupo de traballo , que mesmamente pode ser o conformado pola comisión de asuntos sociais onde xa estan representados todos os grupos políticos,  xunta a oficina de servizos  sociais do concello, e sumando a colectivos que traballen na axuda a persoas, que asuma a xestión dos fondos orzamentados para axuda social, e traballen nun plan que teña como obxectivo non solo axudar as familias deste concello que están atravesando un momento critico, se non tamén establecer ferramentas que permitan axudar a esas familias e persoas a levar unha vida digna e lonxe da caridade a pesares da súa situación.

-   - A creación dunha partida orzamentaria denominada “axuda económica ós estudos”, destinada a  persoas con poucos recursos, que sexa unha bolsa  regulada e adxudicada baixo uns criterios claros, de xeito que calquera veciño de Ribadumia, sexa cal sexa a súa situación económica, teña garantida a posibilidade de realizar o curso escolar, pagar matriculas e taxas universitarias, e facer fronte a compra do material esixido para poder sacar adiante os seus estudos

-     A creación dunha partida coa denominación “acción no agro”,  destinada a creación dun grupo de traballo local, con expertos en asuntos do campo e incluíndo a sectores agrarios e sindicatos, coa misión de proporcionar impulso, a través da formación, da información e do   apoio institucional, as diferentes saídas profesionais que poida proporcionar o noso agro,  poñendo especial fincapé no impulso e apoio  da creación de entidades cooperativas, que permitan coa solidariedade laboral e unha correcta organización empresarial, a realización de proxectos cooperativistas de explotación ou servizos agrícolas.

-       Creación dunha partida especifica destinada a recuperar os terreos do polígono da Grenla que non se están utilizando, moi necesarios como primeiro paso para que as empresas poidan acceder a chan industrial no noso concello.


-       a creación dunha partida especifica para dar a poio a creación dun consorcio empresarial local, que reúna a concello, con todos os grupos políticos representados, os sindicatos e as empresas que existen no noso concello, e impulse políticas e accións comúns, que poidan favorecer a recuperación económica e a mellora polo tanto das cifras de contratación. E tamén impulsar dende ese consorcio a atracción o noso concello de empresas de novos sectores. En resumo, contribuír dende este concello a reconstrución do tecido empresarial, case desaparecido da nosa comarca.

-       Unha partida especifica que sirva para  apoiar as novas empresas no seu asentamento no noso concello e as pemes existentes a levar a mala situación económica actual. Dentro disto, unha partida especial para o apoio, mais forte se cabe,  a xovenes empresarios que queiran iniciar a súa aventura empresarial no noso concello. Revisar o mesmo tempo os mecanismos para a creación e apertura de novos pequenos negocios, axilizando os tramites das licencias e promovendo a súa apertura con descontos nas licencias ou execcións temporais dalgúns impostos, como o lixo ou a auga. Que estas axudas ou exencións  sexan extensivas a pemes do concello que manteñan ou creen emprego e a aquelas que demostren unha importante baixada de ingresos e polo tanto precisen, en función dunhas bases que deberan ser determinadas,  de certo apoio institucional.

-       A eliminación do convenio coa empresa que leva o mantemento do alumeado, que lle custa a este concello 25.000€ anuais, realizando unhas labouras que poden perfectamente realizar o persoal municipal, adecuando as partidas orzamentarias de mantemento as necesidades reais do concello..

  Ademais de todos isto, propoñemos o grupo de goberno e o resto de oposición as seguintes medidas, paralelas o orzamento, e con vistas a facilitar a xestión económica do concello e que para o próximo ano se poidan adecuar moito mellor as propostas orzamentarias coa realidade que vivimos en Ribadumia:

-       Eliminar a base do Orzamento que autoriza a alcaldía a contratar todas as partidas do orzamento (os gastos superiores a 6.000 euros deben ir ao Pleno).

-       Compromiso de participación da oposición nos Grupos de Traballo que se Constitúan.

-       Compromiso de que o remanente económico que haxa do 2013 pase a engrosar estas partidas e non se use para comprar terreos ou outros investimentos menores.

-       Un control exaustivo do gasto eléctrico, para o que este ano hai previstos case 100.000€ mais que o ano pasado, a barbaridade de 279.695€, tomando as medidas necesarias para reducir a descomunal factura.


-       Actuar con mais responsabilidade con certas partidas, creando antes dos orzamentos uns plans de traballo e inversión para o ano económico, en areas como xardinería ou obras menores, e tamén un plan de mantemento das instalacións municipais, dotando das cantidades precisas pero controladamente a través dun orzamento clarificado, evitando no posible os gastos superfluos e incontrolados, culpables do enorme descontrol dos gastos correntes.

-       Recuperar outros servizos públicos, como a gardería municipal, a asistencia  ou o lixo, para que o concello reciba  os ingresos por beneficios  que agora se levan empresas privadas ou a Deputación de Pontevedra, podendo ademais mellorar o servizo e ofrecer mellores descontos a usuarios.   

Dende o noso grupo agardamos que o PP local, teña en conta as nosas propostas, as estude con calma, e mostre unha disposición o dialogo  que nos permita chegar a un acordo para que os orzamentos deste anos sexan o mais axustados posibles a realidade do nosos concello e se poidan levar a cabo accións reais que axuden a loitar contra situación na que o noso país se atopa.

José Enrique Oubiña Lago, concelleiro non adscrito.
Ribadumia, a dia 24 de Febreiro de 2014.

                                       

No hay comentarios:

Publicar un comentario